vivimos nun pobo vivo
nunha península en movemento,
ao pé dun monte grande,
do que emana a enerxía que nos fai bravas e silvestres
vivimos nunha lingua de mar,
nunha gamela de escritores e poetas
en terra de músicas
e cancións bailadas en risco
vivimos na ilusión dun mundo novo
feito xuntos, colectivamente
dende un lugar onde suceden marabillas a diario
onde colectivos, activistas e militantes do sorriso, constrúen a cultura cidadá
a que se fai dende abaixo arriba, a que sae do peito, da xente, do pobo
vivimos en Boiro,
unha república creativa
e imos contar o que aquí pasa